domingo, 4 de xuño de 2023

IMAXES A CONCURSO (II)

Ola!

Parece que esto se anima 😉

Mirade que fotos máis chulas recibimos!

Flores de kiwi
Autora: Catalina (6º EI)
Ubicación: Horta, Lugar de Campos, O Grove.



Título: Na natureza da fraga
(In the nature of the forest)
Autor: Antonio (4º EP)
Localización: Fraga, lugar de Campos, O Grove. 



TITULO: Un ourizo curioso no bambú
AUTOR: Yago Silva Laguna 6ªEP
LOCALIZACIÓN: Pola miña horta.



(Sen título)
Autor: Lucas (2º EP)
Localización: Xardín da miña casa.
"Ola, 
Encántame este concurso. Gracias pola organización do mesmo. 

O meu xardín é o meu lugar favorito da casa. Nel paséanse todos os días os nosos gatos, Manchi e Nube, e os gatos do barrio. Viven tamén moitos animalinos, formigas, escarabellos, xoaninhas, e moitos outros.

Tamén visitannos moitas aves. O meu tío Damián, pintou no muro do xardín unhas cantas. As vedes?

Unha aperta!"


Grazas a todos e a todas volas vosas aportacións! 💚💚💚

Lembrade que hoxe é o derradeiro día para enviar as fosa fotos.

Apertas de bolboreta!

xoves, 1 de xuño de 2023

IMAXES A CONCURSO (I)

 Ola!

Comezan a chegar as primeiras imaxes para o Concurso de fotografía. Botádelles unha ollada!

"Pensando en verde"


AUTOR: Eloi (3º EP)

LOCALIZACIÓN: Planta Kalanchoe da miña casa.



"Natureza en sintonía"
AUTOR: Noel (6º EP)
LOCALIZACIÓN: Petunia que teño na miña casa.


"A eiruga valentina"
AUTORA: Valentina (4º EI)
LOCALIZACIÓN: Monte ao ladiño do cole. Os campos.


"Monte e mar: Paraíso natural"
AUTORA: Eva (6º EI)
LOCALIZACIÓN: Alto do Siradella.

Moitísimas grazas por participar, artistas! 💚💚💚

Agardamos con moita ilusión as vosas fotografías. A que esperades? Bulide!

AVISO: AMPLÍASE O PRAZO DE ENTREGA ATA O VINDEIRO LUNS 5 DE XUÑO.

Apertas de bolboreta!

xoves, 25 de maio de 2023

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Ola!

O vindeiro luns 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente. Queredes participar no I Concurso de Fotografía do noso cole?


Lede con atención!!! 👇


Neste paraíso meco que temos a sorte de habitar vai ser cousa ben sinxela atopar motivos para inmortalizar cos vosos obxectivos. Seguro que descubrides un mundo que as máis das veces pasa desapercibido ante os nosos ollos.

Se queredes gozar da natureza e sacarlle o máximo partido á vosa cámara, seguide estes consellos para collerlle o truco á marabillosa arte da fotografía.


Agardamos con moita ilusión as vosas obras de arte!

Apertas de bolboreta!💚

luns, 22 de maio de 2023

CANTODORXO: BAILE E FOLIADA

Ola!

O venres 19 de maio puidemos gozar dunha actuación moi especial no noso cole. Visitáronnos dúas personas que son os principais motores da Asociación Cultural Cantodorxo (O Grove): Juan Antonio e Mariví. Viñeron para acompañar a oito das alumnas que acuden á escola de baile tradicional na actuación que fixeron para todos nós no patio da escola.

Así, tivemos a oportunidade de comprobar o ben que cantan e bailan as oito cantodorxinas e desfrutar co máxico acompañamento da gaita e o pandeiro. Unha mostra de baile e música tradicional galega nun día solleiro e alegre.

O certo é que podemos valorar a xornada moi positivamente, xa que gran parte da cativada do cole e moitas mestras e mestres, animáronse a bailar no peche da actividade, amosando interese por esta parte tan fermosa da nosa cultura.

Podedes ver o resumo do día no seguinte vídeo.

O noso agradecemento a Juan e Mariví pola súa boa disposición, o marabilloso trato e, especialmente, por darnos a oportunidade de coñecer de primeira man o fermoso das nosas tradicións e encher de música e alegría o noso centro. 💖💖💖

Parabéns ás Cantodorxiñas! Que ben o fixestes, mozas! Moitísimas grazas por facer que este día de celebración fose tan especial. Que orgullosas estamos de todas vós! 💙💙💙

Apertas de bolboreta!

mércores, 17 de maio de 2023

CANTAR E BAILAR

Ola!

O prometido é débeda. O venres ás 12,30 h tedes unha cita no campo de herba, onde remataremos de festexar a Semana das Letras Galegas como máis nos gusta: cantando e bailando.

De seguro ha ser unha xornada moi especial, xa que contaremos coa participación dunha das asociacións con máis sona do Concello, que acompañarán a varias alumnas do noso cole para ofrecernos unha mostra de baile e música tradicional galega.

Para facer máis levadeira a espera, deixámosvos uns xogos interactivos para que amosedes todo o aprendido ao longo destas semanas sobre Francisco Fernández del Riego e o Día das Letras Galegas.

Apertas de bolboreta!


CINCO EN ZOCAS

Ola,

O martes 16 de maio, para ir quecendo motores para o Día das Letras Galegas, tivemos a honra de asistir a un concerto de Cinco en zocas, un grupo de música tradicional galega do que estamos ben orgullosas, xa non so polo ben que fan o seu traballo, senón porque ademais todas elas son deste paraíso meco.

Aínda que so puideron asistir tres das súas cinco compoñentes, foi un encontro que agardabamos con moita ilusión. So hai que observar as pancartas que en cada curso lles fixeron para recibilas.

Ademais de gozar moitísimo coa súa música, tamén houbo quen se animou a cantar e bailar.

Despois do concerto, as fans das zoquiñas puideron facerlles preguntas e pedirlles unha chea de autógrafos. Elas responderon a todas as nosas peticións cun gran sorriso nos beizos e ese falar tranquilo e agarimoso que as caracteriza.

Puidemos saber que dende pequenas amosaron interese pola música tradicional, especialmente por todas esas cancións que acompañaban aos nosos avós e avoas anos atrás e que, con moito traballo, intentan recuperar para que non se perdan.

Ademais,faláronnos dos instrumentos que adoitan utilizar: culleres, tixolas, táboas de lavar... que fan que a súa música sexa aínda máis especial.

Aquí tedes o resumo da xornada, que non esqueceremos en moito tempo.

Moitísimas grazas por todo e moitos éxitos,

queridas zoquiñas! ❤❤❤

Apertas de bolboreta!

venres, 12 de maio de 2023

ARRANCA A SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Ola!

Preparad@s para comezar a celebrar o Día das Letras Galegas?

Con tanto evento e actividade que temos na axenda vainos facer falta a semana enteira...

Non perdades detalle da programación!

LUNS 15 DE MAIO: Comezamos a semana xogando coas actividades sobre Francisco Fernández del Riego que os compañeiros e compañeiras do CEIP As Bizocas deixaron no cole para vós. Chulísimas, verdade? Seguro que eles tamén gozan moito cos traballos que fixestes estes días con tanto esforzo e cariño.

Canto imos aprender sobre o autor homenaxeado deste ano!

MARTES 16 DE MAIO: Sabedes quen son Cinco en zocas? Lede con atención porque temos algo que anunciar...

Preme na imaxe a ábrea nunha nova lapela para ampliala.

Si! Así é! Teremos o privilexio de asistir a un concerto das nosas zoquiñas favoritas.

Podedes ir practicando para facer os coros 😉 

Ai, Manuel! Manuel del alma

Ai, Manuel! Ramiño de palma

Ramiño de palma, ramo de loureiro

Ai, Manuel! Meu amor primeiro
...

Ai, Manuel! Manuel del alma

Ai, Manuel! Ramiño de palma

Ramiño de palma, rama de la oliva

Ai, Manuel! Manuel da miña vida

Seguide moi atentos ao blog porque haberá máis sorpresas.

Apertas de bolboreta!

 

xoves, 27 de abril de 2023

AHÍ VEN O MAIO

Ola!

Chegou a primavera, e con ela, Os Maios.

Se queredes saber un pouquiño máis sobre esta tradición tan fermosa, botádelle unha ollada ao seguinte documento.


Xa sabedes! Ide recoller xestas para as aulas e, aproveitando o paseo, gozace de todas as cores e cheiros que nos ofrece a primavera.

Despedímonos co poema "Aí ven o maio", de Manuel Curros Enríquez, interpretado polo cantante e compositor Luis Emilio Batallán.

Apertas de bolboreta!

sábado, 1 de abril de 2023

DÍA DAS ARTES GALEGAS

Ola!

O día 1 de abril conmemórase o Día das Artes Galegas, cada ano adicado a un persoeiro da historia da arte galega.

Este 2023 a figura homenaxeada é o trobador vigués Martín Códax.

Queres saber máis sobre o Día das Artes Galegas e sobre Martín Códax? Preme na imaxe para realizar as actividades.


Abofé que xa sabes moítimas cousas! Dálle a COMEZAR para seguir xogando e aprendendo!



Agardamos que gozaras coas actividades.

Apertas de bolboreta!

luns, 27 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

Ola!

O día 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía no cole, unha xornada na que aprendimos unha morea de cousas sobre esta gran muller galega.

Ao día seguinte, tivemos a sorte de asistir a unha sesión de contacontos de "Tarabelos. Títeres e contacontos". Esteban Acuña contoulles aos maiores do cole a historia de "Vidal o sin ventura", un poema incluído na obra de Rosalía "Cantares Gallegos". E os máis cativos, puideron gozar da escoita de Lendas galegas.

Foi marabilloso poder asistir a este espectáculo no que grandes e pequenos, mestras e mestres, divertímonos moitísimo.


Ademáis, Esteban deixounos unha proposta artística surrealista que acompaña á sesión de "Contos nunha roda" para realizar na área de Plástica ou, se vos peta, na vosa casa.

Premede nas ligazóns para acceder aos contidos:

PROPOSTA ARTÍSTICA EDUCACIÓN INFANTIL

PROPOSTA ARTÍSTICA PRIMARIA

Grazas por todo, Esteban!

Apertas de bolboreta!

sábado, 25 de febreiro de 2023

RUTA ORNITOLÓXICA

O pasado 10 de febreiro, as nenas e os nenos de 3º e 4º de Primaria tiveron a sorte de asistir a unha Ruta ornitolóxica que se desenvolveu na Praia do Fornos, na Illa da Toxa. Alí puideron observar as diferentes aves que habitan a nosa costa a través de prismáticos e telescopios, ao tempo que anotaban nun caderno de campo todas as especies que foron quen de avistar, aproveitando ademais para fotografar todos os marabillosos momentos que nos brindou esta experiencia.

Cormoráns, gaivotóns, espátulas, garcetas, gaivotas choronas... foron algunhas das especies que puidemos observar.


O noso agradecemento a Encarna e a Gustavo, de Seo/Birdlife Pontevedra, por compartir con nós todos os seus coñecementos, pola súa amabilidade e por contaxiarnos o seu entusiasmo e actitude respectuosa coas aves e o medio ambiente.

Agradecer tamén ao Concello do Grove por ofrecernos actividades tan enriquecedoras como esta.

Apertas de bolboreta!

mércores, 22 de febreiro de 2023

DÍA DE ROSALÍA

Ola!

O 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro, e que mellor forma de facelo que cantando na súa fala, na nosa fala.


E ti, sabes quen era Rosalía?

Se queres coñecer máis datos interesantes sobre esta gran muller galega, preme nas seguintes ligazóns:



Apertas de bolboreta!

XOGANDO COA NOSA ROSALÍA

Ola rapazada!

Queredes xogar con Rosalía de Castro e aprender unha morea de cousas sobre esta muller tan incrible?


Agardamos que o pasáredes moi ben!
Un mundo de bicos e apertas de bolboreta!

martes, 21 de febreiro de 2023

DÍA DA LINGUA MATERNA

Ola,

Sabías que hoxe celebramos o Día da Lingua Materna?

E iso que quere dicir?

Dálle ao play e infórmate.


Paréceche importante conmemorar este día?

Teremos sorte por ter aprendido dúas linguas dende o noso nacemento?

Despois destas reflexións, toca gozar con esta canción de Uxía Lambona e a Banda Molona e festexar a nosa fala.


E xa para rematar, cal é a túa palabra favorita en galego? Podes deixala nos comentarios. Haberá sorpresas....

Anímate a falar galego! O futuro da nosa Lingua está en nós.

Apertas de bolboreta!

xoves, 16 de febreiro de 2023

RECEITAS: DOCES DE ENTROIDO

Ola!

Os nosos amigos de Bolboretas no bandullo tráennos unha receita para facer unhas gorentosas filloas ou freixós. Preme no vídeo e toma nota dos ingredientes e dos pasos para a súa elaboración na ficha que se achega máis abaixo.


Na túa casa tamén elaborades así as filloas? Facedes outros doces típicos destas datas de Entroido?

Anímate a deixar as túas respostas en comentarios!

Fala coa túa mestra e fainos chegar as túas receitas para publicalas no blog. Agardamos impacientes as vosas achegas.


Feliz entroido e que non pare a festa!

Apertas de bolboreta!

mércores, 15 de febreiro de 2023

OS MANDADOS DA MECA: VENRES CHOQUEIRO


 

QUENTANDO MOTORES!

Ola!

E ao fin mañán chega o gran día: desfile de choqueiros, degustación de doces típicos de Entroido e moito, moito baile!

Xa sabes a letra de Móvete de Paco Nogueiras que imos bailar todos xuntos?


A coreografía do baile, creada dende a área de Música e Danza polo alumnado de 6º de EP do noso cole, a podes practicar vendo o seguinte vídeo:


Que non pare a música!

Deica mañán!

luns, 13 de febreiro de 2023

FAME DE PALABRAS

Ola!

Andar de troula sempre abre a apetito, non si?

Aí vai unha sopa de letras na que debes atopar dez palabras.


Atopáchelas todas?

Sabes o significado de cada unha delas?

De seguro que si 😎

Apertas de bolboreta!


O ENTROIDO XA ESTÁ AQUÍ!

Ola!

Preparada para cantar esta canción con tanto ritmo?

Dálle ao play e a gozar!


Canción con pictogramas. Elaborado polo CEE de Miño (Ourense)

Apertas de bolboreta!

domingo, 12 de febreiro de 2023

OS MANDADOS DA MECA: MARTES


 

XOGAMOS COAS PALABRAS

Ola!

Comezamos a semana xogando coas palabras, palabras que de seguro se han escoitar a miúdo polos corredores do noso cole nestes días entroideiros.

Prestade moita atención!

Seguide atentos ao blog porque haberá máis novidades... Apertas de bolboreta!

mércores, 8 de febreiro de 2023

OS MANDADOS DA MECA



É TEMPO DE ENTROIDO!

Ola!

O Entroido está a piques de comezar.

Queres aprender algunhas cousiñas máis sobre esta festa que tanto nos gusta?

Premendo na ligazón podes ler unha chea de información sobre a orixe do Entroido, as diferentes festas tradicionais que hai en Galicia, a gastronomía... E moito ollo! porque tamén se fala do Grove! Serás quen de atopar esta información?

Ligazón: Os Bolechas

E agora que tanto sabes, atréveste con este xogo?


Agardamos que gozaras cos nosos amigos os Bolechas e que aprenderas moitas cousas sobre o Entroido.

Que non pare a festa!

Apertas de bolboreta!