mércores, 13 de decembro de 2023

COÑECEDES AO APALPADOR?

Ola!

Sabedes quen é o Apalpador?

O Apalpador é un personaxe da tradición popular galega orixinario das montañas do Courel e dos Ancares. Está ligado ás festas do Nadal e gústalle compartir connosco estes bonitos días. É un pastor grandullón e bo, de mirada doce e longas barbas coloradas que, co seu abrigo cheo de remendos e a grandes zancadas, percorre Galicia enteira.


Durante o ano é carboeiro, vive dos froitos silvestres, caza xabarís, recolecta mel e fai aparecer os xoguetes que as madeiras esconden.


Conta a lenda que en Noiteboa e Noitevella o Apalpador abandona as montañas para baixar ata as aldeas e deixar unha presada de castañas á cativada. As máis das veces tamén deixa algún agasallo para desexar un ano novo cheo de felicidade e comida para encher os bandullos.


Como imaxinades que é o Apalpador?


Vos animades a facer un debuxo del?


Agardamos as vosas creacións!


Apertas de Bolboreta!🦋

Ningún comentario:

Publicar un comentario