xoves, 26 de xaneiro de 2023

PREPARÁNDONOS PARA O DÍA DA PAZ

 Ola!

Achégase o Día escolar da non violencia e a paz, e tedes deberes 😜

Seredes quen de aprender o retrouso do "Paralá" de Mercedes Peón? O vindeiro día 30 o comprobamos!

Dádelle a reproducir e gozade desta fermosa canción.


Por outra banda, cómpre amosar o fermoso traballo que fixo a cativada de Infantil. As nenas e nenos de tres e catro anos, axudados pola súa titora, traduciron ao galego e recitaron un poema de Gloria Fuertes. Sabedes cal é?


Así chegou o poema ás casas dos máis pequenos, nunha pombiña voadora cun código QR para visualizar o vídeo ao momento.



Agardamos que vos gustara tanto coma a nós!👏👏👏

Apertas de bolboreta!

venres, 13 de xaneiro de 2023

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA

Ola!

Durante o mes de xaneiro estarán expostos no corredor de entrada diferentes exemplares relacionados coa non violencia e a paz, que podedes ler no recreo ou levar en empréstito para casa.

Ademais, lembrade que este mes virá visitarnos a Cruz Vermella de Vilagarcía de Arousa para contarnos en que consiste o seu traballo. Porán especial atención á situación de desprotección de moitísimas persoas inmigrantes ou refuxiadas que cruzan as fronteiras na busca dun lugar mellor para vivir.


Lede, informádevos, reflexionade e valorade o realmente valioso: estar ao carón da familia, ter un fogar para vivir, comida para alimentarnos, poder ir ao médico ou á escola...

E o máis importante: como vos gustaría que vos tratasen ao chegar a un lugar que non coñecedes?

Xa nos contaredes...

Apertas de bolboreta.