sábado, 3 de xuño de 2023

MOITO CONTO!

Ola!

Que no cole hai moito conto non é novo! O que non agardábamos era que agromaran escritoras e escritores coma 

Todo comezou cando Sofía trouxo á aula un pequeno gran conto escrito por ela mesma onde a protagonista era unha nena que chegaba a un novo país... (na clase estábase a tratar o situación das persoas refuxiadas e inmigrantes, enmarcado no PDI do noso centro).

O conto tivo un gran éxito e pedíronlle se podería escribir a segunda parte. E así foi.

A partir deste momento, comezaron a chegar contos da casa, a buscar calquera momento de lecer para escribir historias, de xeito individual, en parellas, en pequeno grupo...

Agora so temos que conseguir que escriban máis contos en galego. Máis xa pediron organizar un concurso de relatos de terror polo Samaín.

Marabilla! ❤❤❤ Tomamos nota, artistas!

Aquí vos quedan as fotos do proceso creativo.








Apertas de bolboreta!

xoves, 1 de xuño de 2023

ENCONTROS CON AUTORES

Ola!


Pro fin chegou o día que con tan ilusión agardábamos!

O pasado mércores 31 de Maios tivemos a sorte de contar co escritor Xabier Domínguez.



Foi unha visita moi enriquecedora na que nos explicou como é o traballo dun escritor, como se fai un libro, así coma todas as persoas que fan falla para editar e publicar un libro.




E tamén nos desvelou algún dos seus próximos proxectos 😍

Para rematar respondeu a todas as nosas preguntas:

Por que escribiches Fronteiras de papel?

Sempre traballas con Alba de Evan?

De pequeno querías ser escritor?

Cal é o teu libro favorito? E a escritora ou escritor?

Haberá segunda parte da Bruxa Selana? ...



Ao final asinou exemplares de Fonteiras de papel, con dedicatoria e todo! 😍

Xabier, moitísimas grazas polo teu tempo e cariño!

Seguiremos enchendo a nosa biblioteca cos teus libros que tantas alegrías nos están dando.

Unha aperta ben forte das túas lectoras e lectores.

IMAXES A CONCURSO (I)

 Ola!

Comezan a chegar as primeiras imaxes para o Concurso de fotografía. Botádelles unha ollada!

"Pensando en verde"


AUTOR: Eloi (3º EP)

LOCALIZACIÓN: Planta Kalanchoe da miña casa.



"Natureza en sintonía"
AUTOR: Noel (6º EP)
LOCALIZACIÓN: Petunia que teño na miña casa.


"A eiruga valentina"
AUTORA: Valentina (4º EI)
LOCALIZACIÓN: Monte ao ladiño do cole. Os campos.


"Monte e mar: Paraíso natural"
AUTORA: Eva (6º EI)
LOCALIZACIÓN: Alto do Siradella.

Moitísimas grazas por participar, artistas! 💚💚💚

Agardamos con moita ilusión as vosas fotografías. A que esperades? Bulide!

AVISO: AMPLÍASE O PRAZO DE ENTREGA ATA O VINDEIRO LUNS 5 DE XUÑO.

Apertas de bolboreta!

sábado, 27 de maio de 2023

FRONTEIRAS DE PAPEL

Ola!

O alumnado do cole estivo lendo "Fronteiras de Papel"... quen virá proximamente ao cole? 

Ademáis, as nenas e nenos de 1º de primaria aproveitaron a ocasión para facer de perfectos lectores.


Por outra banda, o alumnado de 3º de primaria, debateu e reflexionou sobre a situación de miles de persoas inmigrantes que chegan ás nosas costas nunhas condicións inhumnanas. O camiño é longo, arrepiante... e o futuro incerto, no que abondan as fronteiras de papel.



Lembrade sempre que os cambios comezan por nós mesmos. Valoremos ás diferencias, a diversidade cultural e a afouteza de todas esas persoas que merecen ser tratadas do mellor xeito posible.

Apertas de bolboreta.

MODELOS LECTORES: MESTRAS CON MOITO CONTO!

 Ola!

De cando en vez e aproveitando algunha data sinalada, as mestras e mestres co cole achegámonos ás diferentes aulas a ler un contiño... ou un par deles (segundo como se dea a mañá)



Dende esta canle queremos animar a todas as titorías, ao alumnado de máis idade e ás familias que lle lean contos a outros compañeiros. É moi importante que a cativada teña modelos lectores para ir adquirindo a técnica de lectura en voz alta e axustando a entonación, as pausas, dramatizando, establecendo contacto visual...

Queremos moitas máis lecturas!

Apertas de bolboreta.

venres, 26 de maio de 2023

CONTACONTOS DO IES MONTE DA VILA

Ola!

Esta semana veu ao cole o alumnado do 2º curso da ESO do IES Monte da Vila. Que agradable sorpresa!

O alumnado do instituto visitou as aulas de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria para contarlle á cativada algún dos seus contos favoritos. Foi unha experiencia inesquecible!

A quen non lle gusta que escoitar un contiño?






Moitas grazas rapazada, esperámosvos para o vindeiro curso!

Apertas de bolboreta para as e os marabillosos contontadores de historias! 💙

PLAN DIRECTOR: VISITA DA GARDA CIVIL

Ola!

O alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria asistiu a unha charla da Garda Civil, co obxectivo de informalos sobre os perigos das Redes Sociais, da existencia ciberacoso e o acoso escolar, así como a lacra da violencia de xénero.

O acceso á información é un dereito fundamental de todas e todos para o desenvolvemento pleno dunha sociedade. Pero cómpre ter en conta que temos que ser responsables, críticos, rexeitar calquera tipo de violencia (psicolóxica ou física) e pedir axuda a unha persoa adulta cando teñemos coñecemento de que algo non está a ir ben.




Xa sabedes, tanto no voso día a día como nas redes, SENTIDIÑO!


Apertas de bolboreta.

xoves, 25 de maio de 2023

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Ola!

O vindeiro luns 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente. Queredes participar no I Concurso de Fotografía do noso cole?


Lede con atención!!! 👇


Neste paraíso meco que temos a sorte de habitar vai ser cousa ben sinxela atopar motivos para inmortalizar cos vosos obxectivos. Seguro que descubrides un mundo que as máis das veces pasa desapercibido ante os nosos ollos.

Se queredes gozar da natureza e sacarlle o máximo partido á vosa cámara, seguide estes consellos para collerlle o truco á marabillosa arte da fotografía.


Agardamos con moita ilusión as vosas obras de arte!

Apertas de bolboreta!💚

luns, 22 de maio de 2023

CANTODORXO: BAILE E FOLIADA

Ola!

O venres 19 de maio puidemos gozar dunha actuación moi especial no noso cole. Visitáronnos dúas personas que son os principais motores da Asociación Cultural Cantodorxo (O Grove): Juan Antonio e Mariví. Viñeron para acompañar a oito das alumnas que acuden á escola de baile tradicional na actuación que fixeron para todos nós no patio da escola.

Así, tivemos a oportunidade de comprobar o ben que cantan e bailan as oito cantodorxinas e desfrutar co máxico acompañamento da gaita e o pandeiro. Unha mostra de baile e música tradicional galega nun día solleiro e alegre.

O certo é que podemos valorar a xornada moi positivamente, xa que gran parte da cativada do cole e moitas mestras e mestres, animáronse a bailar no peche da actividade, amosando interese por esta parte tan fermosa da nosa cultura.

Podedes ver o resumo do día no seguinte vídeo.

O noso agradecemento a Juan e Mariví pola súa boa disposición, o marabilloso trato e, especialmente, por darnos a oportunidade de coñecer de primeira man o fermoso das nosas tradicións e encher de música e alegría o noso centro. 💖💖💖

Parabéns ás Cantodorxiñas! Que ben o fixestes, mozas! Moitísimas grazas por facer que este día de celebración fose tan especial. Que orgullosas estamos de todas vós! 💙💙💙

Apertas de bolboreta!

xoves, 18 de maio de 2023

AS PALABRAS MÁIS FERMOSAS

 Ola!

O alumnado de Educación Infantil enviáronnos un vídeo coas palabras máis xeitosiñas da nosa lingua 💙💙💙


Vós si que sodes xeitos@s!

Apertas de bolboreta.