luns, 13 de febreiro de 2023

O ENTROIDO XA ESTÁ AQUÍ!

Ola!

Preparada para cantar esta canción con tanto ritmo?

Dálle ao play e a gozar!


Canción con pictogramas. Elaborado polo CEE de Miño (Ourense)

Apertas de bolboreta!

OBRADOIRO DE ARTE RECICLADA

Ola!

O pasado mes de xaneiro o alumnado de 1º a 4º de Educación Primaria realizou un obradoiro de "Arte Reciclada" coa Asociación de Persoas con Discapacidade "AMICOS".


Dita actividade está englobada no noso PDI do centro e cumpre cos obxectivos da Axenda 2030, pero o máis importante é que foi moi enriquecedora para todas e para todos nós!

Mirade que ven o pasamos!


O noso agradecemento para a Asociación Amicos, por ensinarnos a reciclar correctamente e transmitirnos valores tan importantes relacionados co coidado do Medio Ambiente.

Apertas de bolboreta.

domingo, 12 de febreiro de 2023

OS MANDADOS DA MECA: MARTES


 

XOGAMOS COAS PALABRAS

Ola!

Comezamos a semana xogando coas palabras, palabras que de seguro se han escoitar a miúdo polos corredores do noso cole nestes días entroideiros.

Prestade moita atención!

Seguide atentos ao blog porque haberá máis novidades... Apertas de bolboreta!

mércores, 8 de febreiro de 2023

OS MANDADOS DA MECA



É TEMPO DE ENTROIDO!

Ola!

O Entroido está a piques de comezar.

Queres aprender algunhas cousiñas máis sobre esta festa que tanto nos gusta?

Premendo na ligazón podes ler unha chea de información sobre a orixe do Entroido, as diferentes festas tradicionais que hai en Galicia, a gastronomía... E moito ollo! porque tamén se fala do Grove! Serás quen de atopar esta información?

Ligazón: Os Bolechas

E agora que tanto sabes, atréveste con este xogo?


Agardamos que gozaras cos nosos amigos os Bolechas e que aprenderas moitas cousas sobre o Entroido.

Que non pare a festa!

Apertas de bolboreta!

sábado, 4 de febreiro de 2023

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Ola!

No noso cole rexeitamos calquera tipo de violencia, apostando sempre pola resolución pacífica de conflitos e buscando calquera oportunidade para facer comunidade.

Este ano, a celebración do Día escolar da non violencia e a paz foi inesquecible para todas e todos nós: divertido, creativo, emocionante, saudable, familiar...

Dende o centro organizouse unha Andaina pola Paz, na que participaron as familias do alumnado. Máis previamente participamos nun obradoiro de estampación de camisetas a cargo de Andrea Menéndez, ilustradora gráfica e creadora de Carracucarte.

Andrea deseñeou un logotipo para o noso cole e explicounos o proceso de estampación de textís. Coa súa axuda levamos a cabo a impresión da parte dianteira das nosas camisetas brancas, xa na aula, cada un de nós decorou a parte traseira con debuxos e mensaxes de paz.


O luns 30 de xaneiro, realizamos a esperada andaina arredor do cole, acompañados polas familias, nun ambiente festivo onde non faltaron as apertas e a axuda mútua. Podedes ver un resumo da mesma no seguinte vídeo.


Ao chegar ao cole, o alumnado de 3º de primaria leu un manifesto poético pola paz, titulado "O mundo que queremos", que elas e eles mesmos compuxeron axudados pola súa titora.


A continuación, realizaron o acompañamento da canción "Paralá", de Mercedes Peón, utilizando pandeiros, pandeiretas e vasos para a percusión, mentres dúas alumnas bailaban.


Parabéns, rapazada! 💕

Para rematar, Cris, a nosa directora, acompañada das titoras de cada aula, fíxonos entrega dun diploma por ter realizada a andaina e unha chocolatina para repoñer enerxías.


Grazas a todas e a todos pola vosa boa disposición e ese sorriso permanente que nos enche de enerxía positiva.

Apertas de boblboreta!💟💟💟

xoves, 26 de xaneiro de 2023

PREPARÁNDONOS PARA O DÍA DA PAZ

 Ola!

Achégase o Día escolar da non violencia e a paz, e tedes deberes 😜

Seredes quen de aprender o retrouso do "Paralá" de Mercedes Peón? O vindeiro día 30 o comprobamos!

Dádelle a reproducir e gozade desta fermosa canción.


Por outra banda, cómpre amosar o fermoso traballo que fixo a cativada de Infantil. As nenas e nenos de tres e catro anos, axudados pola súa titora, traduciron ao galego e recitaron un poema de Gloria Fuertes. Sabedes cal é?


Así chegou o poema ás casas dos máis pequenos, nunha pombiña voadora cun código QR para visualizar o vídeo ao momento.



Agardamos que vos gustara tanto coma a nós!👏👏👏

Apertas de bolboreta!

venres, 13 de xaneiro de 2023

RECOMENDACIÓNS DE LECTURA

Ola!

Durante o mes de xaneiro estarán expostos no corredor de entrada diferentes exemplares relacionados coa non violencia e a paz, que podedes ler no recreo ou levar en empréstito para casa.

Ademais, lembrade que este mes virá visitarnos a Cruz Vermella de Vilagarcía de Arousa para contarnos en que consiste o seu traballo. Porán especial atención á situación de desprotección de moitísimas persoas inmigrantes ou refuxiadas que cruzan as fronteiras na busca dun lugar mellor para vivir.


Lede, informádevos, reflexionade e valorade o realmente valioso: estar ao carón da familia, ter un fogar para vivir, comida para alimentarnos, poder ir ao médico ou á escola...

E o máis importante: como vos gustaría que vos tratasen ao chegar a un lugar que non coñecedes?

Xa nos contaredes...

Apertas de bolboreta.