Ola!
No noso cole rexeitamos calquera tipo de violencia, apostando sempre pola resolución pacífica de conflitos e buscando calquera oportunidade para facer comunidade.
Este ano, a celebración do Día escolar da non violencia e a paz foi inesquecible para todas e todos nós: divertido, creativo, emocionante, saudable, familiar...
Dende o centro organizouse unha Andaina pola Paz, na que participaron as familias do alumnado. Máis previamente participamos nun obradoiro de estampación de camisetas a cargo de Andrea Menéndez, ilustradora gráfica e creadora de Carracucarte.
Andrea deseñeou un logotipo para o noso cole e explicounos o proceso de estampación de textís. Coa súa axuda levamos a cabo a impresión da parte dianteira das nosas camisetas brancas, xa na aula, cada un de nós decorou a parte traseira con debuxos e mensaxes de paz.
O luns 30 de xaneiro, realizamos a esperada andaina arredor do cole, acompañados polas familias, nun ambiente festivo onde non faltaron as apertas e a axuda mútua. Podedes ver un resumo da mesma no seguinte vídeo.
Ao chegar ao cole, o alumnado de 3º de primaria leu un manifesto poético pola paz, titulado "O mundo que queremos", que elas e eles mesmos compuxeron axudados pola súa titora.
A continuación, realizaron o acompañamento da canción "Paralá", de Mercedes Peón, utilizando pandeiros, pandeiretas e vasos para a percusión, mentres dúas alumnas bailaban.
Parabéns, rapazada! 💕
Para rematar, Cris, a nosa directora, acompañada das titoras de cada aula, fíxonos entrega dun diploma por ter realizada a andaina e unha chocolatina para repoñer enerxías.
Ningún comentario:
Publicar un comentario