mércores, 17 de maio de 2023

CANTAR E BAILAR

Ola!

O prometido é débeda. O venres ás 12,30 h tedes unha cita no campo de herba, onde remataremos de festexar a Semana das Letras Galegas como máis nos gusta: cantando e bailando.

De seguro ha ser unha xornada moi especial, xa que contaremos coa participación dunha das asociacións con máis sona do Concello, que acompañarán a varias alumnas do noso cole para ofrecernos unha mostra de baile e música tradicional galega.

Para facer máis levadeira a espera, deixámosvos uns xogos interactivos para que amosedes todo o aprendido ao longo destas semanas sobre Francisco Fernández del Riego e o Día das Letras Galegas.

Apertas de bolboreta!


CINCO EN ZOCAS

Ola,

O martes 16 de maio, para ir quecendo motores para o Día das Letras Galegas, tivemos a honra de asistir a un concerto de Cinco en zocas, un grupo de música tradicional galega do que estamos ben orgullosas, xa non so polo ben que fan o seu traballo, senón porque ademais todas elas son deste paraíso meco.

Aínda que so puideron asistir tres das súas cinco compoñentes, foi un encontro que agardabamos con moita ilusión. So hai que observar as pancartas que en cada curso lles fixeron para recibilas.

Ademais de gozar moitísimo coa súa música, tamén houbo quen se animou a cantar e bailar.

Despois do concerto, as fans das zoquiñas puideron facerlles preguntas e pedirlles unha chea de autógrafos. Elas responderon a todas as nosas peticións cun gran sorriso nos beizos e ese falar tranquilo e agarimoso que as caracteriza.

Puidemos saber que dende pequenas amosaron interese pola música tradicional, especialmente por todas esas cancións que acompañaban aos nosos avós e avoas anos atrás e que, con moito traballo, intentan recuperar para que non se perdan.

Ademais,faláronnos dos instrumentos que adoitan utilizar: culleres, tixolas, táboas de lavar... que fan que a súa música sexa aínda máis especial.

Aquí tedes o resumo da xornada, que non esqueceremos en moito tempo.

Moitísimas grazas por todo e moitos éxitos,

queridas zoquiñas! ❤❤❤

Apertas de bolboreta!

venres, 12 de maio de 2023

ARRANCA A SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

Ola!

Preparad@s para comezar a celebrar o Día das Letras Galegas?

Con tanto evento e actividade que temos na axenda vainos facer falta a semana enteira...

Non perdades detalle da programación!

LUNS 15 DE MAIO: Comezamos a semana xogando coas actividades sobre Francisco Fernández del Riego que os compañeiros e compañeiras do CEIP As Bizocas deixaron no cole para vós. Chulísimas, verdade? Seguro que eles tamén gozan moito cos traballos que fixestes estes días con tanto esforzo e cariño.

Canto imos aprender sobre o autor homenaxeado deste ano!

MARTES 16 DE MAIO: Sabedes quen son Cinco en zocas? Lede con atención porque temos algo que anunciar...

Preme na imaxe a ábrea nunha nova lapela para ampliala.

Si! Así é! Teremos o privilexio de asistir a un concerto das nosas zoquiñas favoritas.

Podedes ir practicando para facer os coros 😉 

Ai, Manuel! Manuel del alma

Ai, Manuel! Ramiño de palma

Ramiño de palma, ramo de loureiro

Ai, Manuel! Meu amor primeiro
...

Ai, Manuel! Manuel del alma

Ai, Manuel! Ramiño de palma

Ramiño de palma, rama de la oliva

Ai, Manuel! Manuel da miña vida

Seguide moi atentos ao blog porque haberá máis sorpresas.

Apertas de bolboreta!

 

mércores, 10 de maio de 2023

ESCOLA DE FAMILIAS

Ola!

O 9 de Maio tivemos a sorte de ter unha formación para familias sobre a Educación Dixital a cargo do psicólogo Óscar Páramos sobre a Educación Dixital dos máis pequenos da casa.



De seguro que foi unha charla moi instrutiva na que se resolveron moitas dúbidas.

Apertas de bolboreta.

xoves, 27 de abril de 2023

AÍ VEN O MAIO

Ola!

Chegou a primavera, e con ela, Os Maios.

Se queredes saber un pouquiño máis sobre esta tradición tan fermosa, botádelle unha ollada ao seguinte documento.


Xa sabedes! Ide recoller xestas para as aulas e, aproveitando o paseo, gozace de todas as cores e cheiros que nos ofrece a primavera.

Despedímonos co poema "Aí ven o maio", de Manuel Curros Enríquez, interpretado polo cantante e compositor Luis Emilio Batallán.

Apertas de bolboreta!

mércores, 26 de abril de 2023

FORMACIÓN DE RADIO ESCOLAR

Ola!

Algo estamos a argallar... 

Así foi a formación para mestras e mestres de "Radio Conmneniño, a radio dos grandes e dos pequeniños".

Agora que xa sabemos utilizala, toca poñela en marcha!




Ide pensando nas propostas para facer programas de radio. Vós diredes!

Agardamos as vosas propostas!

Apertas de bolboreta.

martes, 25 de abril de 2023

TEATRO: O PARRULLO FEO

 Ola!

O alumnado de Educación Infantil asistiu a unha obra teatral titulada "O Parrulo Feo".

Canto lles gustou e que ben e pasaron!



Apertas de bolboreta.


luns, 24 de abril de 2023

NOVO RECANTO DE LECTURA

Ola!

Aproveitando a Semana do Libro, inaguramos un novo espazo para imaxinar, partillar lecturas, descansar da algarabía do recreo cun bo libro, ler o xornal... Calquera excusa é boa para facer uso deste recunchiño tan xeitoso.




Felices lecturas!

Apertas de bolboreta!

DÍA DA POESÍA

Ola!

O día 21 de marzo foi o Día da Poesía. Que poemas tan fermosos grabastes! 💛💛💛

Xa sabedes que podedes escoitalos todos na canle de Ivoox de Radio Conmeniño, a radio dos grandes e dos pequeniños ou a través dos seguintes códigos QR.


O alumnado ilustrou todos e cada un dos poemas e repartiunos polos comercios locais  do Grove, co seu correspondente código QR.






Canto nos gustou espallar poesía pola nosa vila!

Bo traballo, cativada!

Apertas de bolboreta para todas e todos os poetas!

sábado, 1 de abril de 2023

DÍA DAS ARTES GALEGAS

Ola!

O día 1 de abril conmemórase o Día das Artes Galegas, cada ano adicado a un persoeiro da historia da arte galega.

Este 2023 a figura homenaxeada é o trobador vigués Martín Códax.

Queres saber máis sobre o Día das Artes Galegas e sobre Martín Códax? Preme na imaxe para realizar as actividades.


Así sonaba Ondas do mar de Vigo, un dos poemas con máis sona de Martín Códax.


E así é como Amaral versionou este poema, convertíndoo en canción.


Con que versión vos quedades?

E agora que xa sabes moítimas cousas sobre Martín Códax, ponte a proba. Dálle a COMEZAR para seguir xogando e aprendendo!



Agardamos que gozaras coas actividades.

Apertas de bolboreta!